As instalacións do Palexco acollen este sábado a VII Feira Matemática, xornada pensada para a divulgación das Matemáticas e que está dirixida ás alumnas e alumnos de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional, así como ao profesorado e ao público en xeral. Cada centro, cada profesor, cada grupo de alumnos, poden expoñer, vender, mercar unha ou máis propostas didácticas ou actividades matemáticas. Haberá tamén exposicións, concurso de fotografía matemática, xogos, exhibicións, etc.
Nesta edición, o Día Escolar das Matemáticas está dedicado a “Hydria-Matemáticas: Medindo as nosas pegadas” o que pode dar ideas para que algunhas das actividades que se presenten xiren en torno a auga e todo o que dela se pode falar, como a súa necesidade, uso, consumo, etc.
Estas e outras actividades queren ser un xeito de amosar o achegamento da ciencia, en particular das ciencias matemáticas, aos cidadáns, afastándonos de aspectos formais, sen que por iso perda o rigor nin diminúa a importancia do que a ciencia representa na sociedade actual.
Por participar nas diferentes actividades programadas os visitantes recibirán AGAPEMOS (a moeda da feira matemática), que permitirán adquirir libros, regalos, xogos… ata agotar as existencias.
Dende o ano 2000 o día 12 de maio celébrase o Día Escolar das Matemáticas, e a Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), celébrao, nesta ocasión o día 11 de maio, cunha Feira Matemática. As actividades comezarán a partir das 11 horas e prolongaranse de forma ininterrumpida ata as 19 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario