18 jul 2012

NON AO SAQUEO DO POBO!!!


Baixo o lema «NON AO SAQUEO DO POBO. HAI QUE IMPEDIR QUE NOS ARRUÍNEN», UXT, CCOO e CIG, convocan manifestacións unitarias o vindeiro xoves, día 19 de xullo, nas principais cidades e vilas galegas.

A Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de A Coruña, avala esta convocatoria ante a preocupación pola política de recortes que vén aplicando o goberno do Estado e o seguidismo irresponsable do goberno da Xunta de Galicia, que pretende desmontar o Estado Social, paralizando o proceso civilizatorio e o progreso social, especialmente contra a Escola Pública, contra do Ensino Público e os servizos públicos fundamentais.

Igualmente, como organización, queremos celebrar esta convocatoria unitaria, superando diferenzas lexítimas que, en todo caso, creemos non poden hipotecar ou anular a necesidade de organizar a resposta social diante desta política económica da desolación que non podemos nin imos tolerar. Esta Federación, ten como obxectivo, participar activamente e propiciar a unidade de acción das organizacións sociais, en defensa dos dereitos básicos, como é o da Educación e a supervivencia do Ensino Público, respectando os lexítimos sinais de identidade de cada un.

Que valores imos transmitir aos nosos fillos e fillas, que exemplo lles imos dar, se os especuladores, todos aqueles que xogaron á economía do casino saen totalmente indemnes das súas actuacións, moitas veces delituosas, e aos cales viven honradamente do seu traballo recórtanselles dereitos e quedan en situación de indefensión?

Os recortes e as reformas non nos permitirán saír da crise, é a crise a escusa para que o Goberno aprobe recortes e reformas. Estase a substituír gastos en educación, sanidade e servizos sociais por alimentar a especulación en torno á débeda pública e así rematar co pacto social que redistribuía os gastos por parte do Estado para evitar o crecemento das desigualdades sociáis.

Algunhas organizacións como esta Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de A Coruña, defendemos a escola pública durante toda a nosa existencia, facendo diso a nosa razón de ser. Por iso, convocamos a todas as nais e pais de alumnos dos Centros Públicos, a todas as ANPAS da provincia a participar, a defender os dereitos dos nosos fillos e fillas, a dignidade, a calidade do Ensino Público, tomando conciencia do momento histórico que vivimos no que está en xogo a esperanza dun futuro mellor para os nosos fillos e fillas.

·         SANTIAGO:  Saída Alameda 20:00. Chegada Praza das Praterías.
·         FERROL:  Saída O Infermiño 20:30. Chegada Praza de Armas.
·   A CORUÑA:  Saída Praza da Palloza 20:00. Chegada Praza do Obelisco ou Subdelegación do Goberno (Manifestación central).

No hay comentarios:

Publicar un comentario