3 ene 2012

Aos pais/nais da APA Castelao.

Estimadas familias:

Ante as distintas informacións vertidas sobre a problemática surxida en torno ás actividades extraescolares xestionadas polas APAS dos CEIPS desta cidade, e particularmente no noso colexio, a APA Castelao desexa puntualizar unha serie de extremos para a vosa maior tranquilidade, pospoñendo, non obstante, todas aquelas explicacións pertinentes e que desexedes formular á Xunta Directiva nunha Asemblea Extraordinaria que se celebrará nos primeiros días de clase despois das vacacións de Nadal:

-A nova Corporación Municipal do concello da Coruña, e máis concretamente a Concellalía de Educación, presentou hai uns meses a modificación do réxime de subvencións ás actividades das ANPAS dos Colexios de Educación Infantil e Primaria da cidade. Fumos convocados a dúas reunións, no CCM dos Mallos e no Forum Metropolitano, nas que o concelleiro Sr. Mourelo nos expuxo o seu novo modelo, ao que todas as ANPAS da Coruña nos opuxemos, por múltiples razóns, acordando por unanimidade outorgar á Federación de APAS de Centros Públicos da Coruña a potestade necesaria para negociar co Concello.

-A Federación de APAS negociou o novo convenio durante todos estes meses, informándonos puntualmente de todas as novidades da negociación e convocándonos a distintas reunións para achegar suxestións, declinando pola nosa parte convocarvos a unha Asemblea informativa tendo en conta as constantes variacións que se ían producindo, pois de telo feito a teor das primeiras directrices municipais a alarma sería considerable. Non obstante, a APA Castelao veu informando a todos aqueles socios que así o solicitaron, indicando sempre que estábamos en negociacións e que día a día se ían modificando os termos do novo convenio, afortunadamente en sentido favorable aos intereses de todos nós.

-O pasado 29 de dicembro, a Federación de APAS convocounos a unha reunión a todas as ANPAS na que expuxeron e estudamos o borrador do novo convenio co Concello, aínda pendente de últimos retoques que terán que solucionarse antes do 9 de xaneiro.

-Resultado de todo isto é:

·A APA Castelao asinará nos primeiros días de xaneiro o convenio co Concello da Coruña para a subvención das actividades extraescolares xestionadas pola APA. Será nominativo, aínda que cederemos a xestión á Federación de APAS, decisión igualmente unánime de todas as ANPAS da Coruña.

·Garántese a continuidade do programa Luditarde para este curso escolar, sen modificación nas cuotas.

a continuidade dos monitores dependerá da súa aceptación das novas condicións laborais establecidas polo Concello.

A APA terá que valorar, en función das necesidades dos seus socios, a conveniencia da continuidade de Luditarde no próximo curso escolar tras o replantexamento que de tal actividade levará a cabo a Federación de APAS para o curso 2012-2013 e que nos será comunicado en canto se estude e decida.

.Valorarase, en Asemblea de socios, a posibilidade e/ou conveniencia de introducir novas actividades extraescolares a partir das 18:00 horas das ofertadas polo Concello como subvencionables.

·A actividade de INGLÉS impartida por ACTIVA poderá continuar ata a finalización deste curso escolar, nas mesmas condicións que ata o momento, sen o carácter de subvencionable.



Esperamos ter clarificado as vosas dúbidas acerca desta problemática, reiterando a nosa disposición a explicar canto precisedes sobre o tema na pertinente Asemblea Extraordinaria da APA.



Un saúdo,



A XUNTA DIRECTIVA DA APA CASTELAO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario